A Xunta pon a disposición do sector forestal unha ferramenta gratuíta para facilitar a trazabilidade dos produtos da madeira con tecnoloxía Blockchain

Luns 28 de Agosto de 2023

A Xunta pon a disposición do sector forestal unha ferramenta gratuíta para facilitar a trazabilidade dos produtos da madeira con tecnoloxía Blockchain

• FORTRA permite acompañar aos produtos da madeira dunha etiqueta cun código con información que vai dende a localización concreta da árbore de orixe, especie, aproveitamento, CO2 absorbido ou operacións de procesado

• Presenta os produtos galegos baseados na madeira como produtos de proximidade, cunha pegada de carbono negativa, libres de deforestación, xestionados de forma sostible e, nalgúns casos, con selos de certificación forestal

• Esta iniciativa, desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería do Medio Rural, foi seleccionada polo proxecto europeo Wood Circus para impulsar as cadeas de valor forestal como elemento clave da bioeconomía circular

• Na actualidade a ferramenta é usada para a trazabilidade de 153 produtos de 12 empresas e a plataforma recibiu xa máis de 5.000 consultas

A Xunta de Galicia puxo a disposición da industria forestal unha ferramenta gratuíta que permite etiquetar a trazabilidade dos produtos da madeira mediante o uso da tecnoloxía Blockchain. FORTRA é unha plataforma desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega da Industria Forestal en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

A tecnoloxía blockchain asegura que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea, o que ofrece unha garantía de autenticidade e transparencia. Isto permite que os produtos que empregan esta ferramenta podan acompañarse cunha etiqueta que ofrece todo tipo de información sobre a orixe a e transformación da madeira.

Ademais das características técnicas ou o cálculo de valor na pegada de carbono, a etiqueta permite coñecer a orixe exacta da madeira (lugar e referencia catastral), e mesmo proporcionar enlaces web coa localización cartográfica. Tamén informa sobre especies, volumes, lotes, porcentaxe de uso de cada lote ou, no seu caso, sobre a existencia dunha certificación forestal. A etiqueta contén, así mesmo, unha relación de todas as operacións de procesado e política de proximidade (Km 0).

O obxectivo de FORTRA é actuar como unha ferramenta de mercado, de carácter comercial, que permita ao sector diferenciar o seu produto e mellorar o seu posicionamento nos mercados nacional e internacional. A plataforma, avalada pola Xunta, permite a presentación dos produtos da madeira de Galicia como produto de proximidade, cunha pegada de carbono negativa, libre de deforestación e baixo parámetros de xestión forestal sustentable e, no seu caso, certificado.

A plataforma FORTRA foi unha das boas prácticas seleccionadas polo proxecto europeo Wood Circus do programa Horizonte 2020 da UE que ten como obxectivo principal promover as cadeas de valor baseadas na madeira como parte clave dunha biocoenomía circular en Europa. Foi tamén un dos proxectos finalistas dos Blockchain Alastria Awards 2023.

O proxecto deriva do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e iniciouse cunha primeira fase piloto no  2020. Na actualidade está en fase progresiva de implantación e conta con 12 empresas activas na plataforma  –ás que desde a Xunta de Galicia se acompañou e apoiou para a incorporación á ferramenta– e a traza de 153 produtos. Recibiu cerca de 5.500 consultas de trazabilidade por parte de máis de 1.600 persoas usuarias. O cálculo de CO2 retido é de cerca dun millón de quilos. Pódese obter información de detalle no enderezo https://fortra.xunta.gal/