Servizos dixitais

Servizos dixitais

O impulso, asesoramento técnico e apoio á Administración e sector público autonómico en torno ás tecnoloxías da información e as comunicacións, así como a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia son competencias da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Como tamén o é a promoción da inclusión e execución do despregamento das TIC no ámbito da prestación dos servizos públicos.

A Axencia dedicou a súa primeira década de existencia á posta en marcha de dúas axendas dixitais que tiveron como resultado a configuración dun territorio conectado, cunha poboación capacitada para o uso das ferramentas tecnolóxicas. Un territorio especialmente complicado, pola gran cantidade e elevada dispersión de núcleos poboacionais, e unha poboación característica, cunha alta esperanza de vida e un alto índice de persoas maiores. Este esforzo traduciuse na promoción da extensión da banda larga a todo o territorio, a aposta pola tecnoloxía 5G, e a capacitación dixital da cidadanía.

Ao mesmo tempo, no marco das súas competencias, a Axencia impulsou os servizos dixitais na educación, nos sectores primarios (pesca, agricultura, gandería e forestal), na mobilidade interurbana, no medio ambiente, no turismo, na cultura e no patrimonio. Entre outras actuacións, estendeuse o modelo de aulas dixitais e libro electrónico na educación; implantáronse as lonxas virtuais, poxas de madeira ou ferramentas de xestión como Agro 4.0 nos sectores primarios; púxose en marcha o plan e-mobility; creáronse plataformas e aplicacións para a xestión dos espazos naturais ou a loita contra os incendios forestais; puxéronse en marcha iniciativas como Smart Camiño ou a plataforma Turespazo e creouse a memoria dixital de Galicia, con aplicacións como a biblioteca virtual Galiciana.

A Estratexia Galicia Dixital 2030 toma como base ese territorio conectado, capacitado e dotado de servizos dixitais para avanzar no desenvolvemento e aplicación, dende unha posición de vangarda, de tecnoloxías innovadoras, como a intelixencia artificial, o internet das cousas, o blockchain, os servizos na nube, os vehículos aéreos non tripulados ou a xestión intelixente do dato.

O resultado será un territorio intelixente, dotado de sistemas de sensorización, internet das cousas e análise dos datos, á disposición deses servizos públicos, que disporán de novas ferramentas adaptadas a eses avances. Iniciativas como a de Territorio Intelixente, iCousas, o xemelo dixital, as novas plataformas Agro 4.0 ou Mobilidade 4.0, as aplicación da intelixencia artificial na Educación ou o proxecto Nós para consolidar ao idioma galego nos ámbitos dixitais, son actuación que están xa en marcha e serven como exemplo dese novo enfoque cara ás tecnoloxías disruptivas.