A aplicación XuntaEu incorpora o título de familia numerosa e suma máis de 6.000 descargas nun mes

Mércores 14 de Febreiro de 2024

A aplicación XuntaEu incorpora o título de familia numerosa e suma máis de 6.000 descargas nun mes

A Administración autonómica vén de publicar unha nova versión da ferramenta que mellora a súa usabilidade
A aplicación xa permite o acceso a unha decena de títulos, tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta
XuntaEu concentra no móbil os principais servizos da Administración dixital

Máis de 6.000 galegos e galegas acceden xa aos principais servizos da Xunta a través da aplicación XuntaEu. Esta ferramenta, dispoñible desde hai un mes para dispositivos IOs e Android, concentra o acceso á información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet.

 

Tras o seu lanzamento o pasado mes de xaneiro, a  Xunta vén e publicar unha nova versión da aplicación, un proceso de mellora continua que dá resposta tamén a suxestións de usuarios. Os cambios están dirixidos a incrementar a súa usabilidade e accesibilidade. Con este obxectivo reorganizáronse os servizos en torno á Carpeta Cidadá, na que se inclúe toda a información personalizada do usuario, e baixo o epígrafe “Utilidades”, desde onde se pode acceder aos avisos xerais dos diferentes servizos e á verificación de documentos. 

 

Ademais, xa se pode acceder desde XuntaEu ao Titulo de familia numerosa. É unha das máis recentes incorporacións á aplicación, que ten dispoñibles 10 tarxetas, carnés ou certificados emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR.

 

Neste momento, XuntaEu permite o acceso ao Carné Xove, ao Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, ao Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e ao Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B. 

 

Ademais, a aplicación tamén permite acceder aos certificados de grado de discapacidade e ás licenzas de pesca marítima de recreo en superficie, de pesca marítima de recreo submarina, e de pesca marítima de recreo en embarcacións. 

 

XuntaEu

O obxectivo desta aplicación é o de simplificar a relación dos cidadáns coa Administración  e facilitar a accesibilidade aos servizos públicos, aproveitando o uso, practicamente universal, dos dispositivos móbiles. 

XuntaEu garante un acceso seguro aos servizos dispoñibles a través do sistema Chave365 ou do DNI electrónico, este último só dispoñible para Android polo de agora.  No caso de empregar Chave365 a aplicación establece un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para recibir avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.

 

As persoas usuarias de XuntaEu poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións que a Administración lle faga chegar a través do sistema Notifica.gal, Ademais, poden acceder á información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder de xeito directo á sede electrónica para tramitalos.

 

Tamén se poden consultar as citas programadas coa Administración desde a aplicación. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden acceder ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

 

Outras utilidades que proporciona XuntaEu son renovación dos datos de usuario o a xestión da baixa no sistema de Chave; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, e a recepción de avisos personalizados.

 

XuntaEu inclúe, tamén, unha funcionalidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR. A aplicación irá incorporando máis servizos de xeito progresivo e en sucesivas actualizacións