Amtega
Xunta de Galicia
‹ ›
SEDE ELECTRONICA
Novas

Arranca o prazo de inscrición da XII edición de Xuventude Galicia Net, que se celebra do 15 ao 17 de abril en Santiago

  • Esta edición contará con máis de 40 charlas con poñentes de toda España

01/04/11 | 15:21

Arranca hoxe o prazo de inscrición para participar na décimo segunda edición de Xuventude Galicia Net, un evento que este ano se celebrará entre o 15 e 17 de abril no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago.

Para inscribirse, deberanse seguir as instrucións que aparecen no banner, que sobre este evento está publicado na web http://xuventude.xunta.es. As prazas aceptaranse por rigoroso orde de tramitación.

Nesta edición 2011 a proposta formativa para os mozos e mozas que participen no evento é unha prioridade para a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por iso, terá máis de 40 charlas con poñentes de toda España, coloquios e mesas redondas. As charlas consolídanse nesta edición coma un referente a nivel nacional do mundo da formación e información en novas tecnoloxías.

En canto á informática, haberá charlas de Javascript, sobre o framework Symfony, HTML5 ou iniciación a Android, aínda que o máis vistoso será o obradoiro sobre a plataforma electrónica Arduino ou a exhibición de helicóptero e Hexacopter. Outro tipo de xornadas serán os relacionados coas redes sociais, startups baseadas na internet, obradoiros de podcasting o cómic, onde se reunirán profesionais de diferentes disciplinas para amosar as súas experiencias. A entrada ás charlas será de balde e de acceso libre.

Esta edición coincide, no seu último día, cun curso de grafitis, así como cunha exhibición dos mesmos que adornarán o hall do Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. Os exteriores tamén serán unha extensión máis da XGN, coa posibilidade de empregar o Campo de Paintball, ou, para os cativos, farase a proxección da película de animación “Nico y el Reno”. Durante todo a fin de semana tamén se proxectarán de forma ininterrompida vídeos e filmes baixo licenza creative commons. Como novidades, esta edición realizaranse cursos de defensa persoal, xogo do pau e esgrima antiga europea.

Así mesmo, o sábado pola tarde noite, ten previsto facerse un concerto ao aire libre coa actuación de varios grupos musicais. Todo o espazo lúdico está aberto e de balde para todo aquel que se queira achegar.

Dentro da party, desenvolveranse campionatos para os participantes para xogar cos seus pc´s como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Para competir sen os ordenadores, haberá lanzamento de CD, carreiras de sacos, air guitar ou dobraxe, entre outras.

Twitter
Twitter
Amtega destaca
‹ ›
Portais relacionados