Amtega
Xunta de Galicia
‹ ›
SEDE ELECTRONICA
Outras administracións
Outras administracións

L2. Administración eficiente

A administración pública xoga un papel moi importante no desenvolvemento da Sociedade da Información en dúas áreas fundamentais:

  • Como usuaria das TIC, co fin de mellorar a calidade dos servizos públicos, modernizar a administración, profundar na transparencia da súa actuación, promover a participación cidadá e garantir os principios de eficiencia, eficacia, calidade e sustentabilidade.
  • Como dinamizador da Sociedade da Información, por medio da formulación e execución de políticas que promovan a penetración das TIC na sociedade e o seu acceso a todos os axentes sociais.

Neste sentido, é obxectivo desta liña transformar a Administración Pública Autonómica desde dentro, como usuaria das TIC, realizando accións de homoxeneización en canto a estratexia tecnolóxica se refire, e adoptando criterios de economía de escala que permitan a redución de custos e mellora dos servizos prestados.

Existen modelos para manter e mellorar o papel das TIC dentro da organización e, en xeral, a incorporación das TIC na actividade da Administración melloran a calidade de vida do cidadán, proporcionando ferramentas eficaces para a redución de tempos e custos.

A misión principal desta liña estratéxica é homoxeneizar os sistemas de xestión TIC da Xunta, de maneira que cada unha das dependencias con responsabilidade de xestión en sistemas TIC poida funcionar coordinadamente, baixo unhas directrices operativas e estratéxicas unificadas, proporcionando servizos eficaces aos usuarios (eficacia medida contra as súas percepcións de rendemento, dispoñibilidade, capacidade e conformidade) e á vez facilitando o cambio eficaz a través das TIC.

Obxectivos

Os obxectivos principais que se perseguen para acadar unha administración eficiente son os seguintes:

  • Proporcionar servizos de calidade e eficaces aos usuarios aliñados coas necesidades e directrices estratéxicas.
  • Xestión eficiente do gasto: Facer máis e mellor con menos.
  • Homoxeneizar e consolidar sistemas de xestión TIC, baixo unhas directrices operativas e estratéxicas unificadas de interoperabilidade.
  • Trasferencia e compartición do Coñecemento TIC en Galicia.

Enfoque e aspectos clave

A xestión dos recursos TIC da Xunta (aplicacións, datos, tecnoloxía e infraestrutura) considérase ámbito de xestión interno e será transparente para os usuarios que consuman estes servizos.

Enfoque Administración Eficiente

Galicia debe posicionarse como un claro referente no uso das TIC dun modo enerxeticamente eficiente e respectuoso co medio, sendo o abandeirado no cumprimento dos distintos compromisos internacionais adquiridos polos Estados Membros da EU.

A Xunta de Galicia, apostará por unha política global de aforro de consumo de enerxía e residuos derivados dos servizos TIC, denominada sostibilidade a través de políticas de Green IT, potenciando o papel fundamental das TIC para a consecución dos obxectivos ambientais, garantir unha economía sostible e ser a panca na difusión e aplicación da devandita política entre a cidadanía, alcanzando unha redución do consumo de enerxía das infraestruturas TI dun 30% en 2014, o que significa dez puntos por enriba da media acordada para Europa en 2020.

Lanzarase a iniciativa de Xestión Unificada dos activos TIC cuxo obxectivo principal é a consolidación dos servizos mediante a súa centralización nun único CPD e a estandarización da plataforma tecnolóxica. Todos os novos servizos se implantarán sobre unha infraestrutura consolidada reducindo nun 30% as necesidades de investimento en hardware.

É clave que utilicen os novos servizos con total confianza, grazas á seguridade e calidade percibidas, polo que se poñerá en marcha unha iniciativa para a racionalización dos sistemas de información, conseguindo en 2014 un aforro do 15% en custos de mantemento.
Adicionalmente, a través da implantación de actividades destinadas ao aseguramento e o control da calidade dos sistemas, se alcanzará unha redución dos custos da non calidade, e consecuentemente unha redución nos custos de mantemento dun 15%.

É fundamental para a implantación dun modelo de austeridade unha estratexia TIC de consolidación de servizos; a evolución de servizos cara a Cloud Computing establecerá un modelo de prestación de servizos de TI de xeito que todas as aplicacións sexan accesibles nunha infraestrutura centralizada, que garanten a escalabilidade, rendemento e actualización de versións de xeito transparente, reducindo o tempo de posta en produción dos novos servizos, de forma que a tecnoloxía sexa usada pola xente preocupándose só do que pode facer con ela, e non por como implementala. A Xunta actuará así como provedor de servizos de cloud computing para o resto das unidades da Administración.

Débense tomar medidas de austeridade e racionalidade do gasto TIC a través de dúas grandes accións: a centralización da función de compras de activos e servizos TIC, aproveitando economías de escala, e a consolidación contratos en servizos agregados de maior volume. Con estas medidas, preténdese conseguir un aforro global do 25% do gasto anual TIC e do 30% en custos de mantemento, reasignar recursos cara a servizos que xeren un valor diferencial da Xunta de Galicia alcanzando unha maior efectividade do investimento público.

A formalización e implantación das Políticas de Seguridade da Información como xeradoras de confianza farán foco nos aspectos máis críticos para o usuario dos servizos telemáticos que reciban da Xunta: o cumprimento legal (Lei Orgánica de Protección de Datos), a continuidade e a dispoñibilidade dos servizos electrónicos públicos.

A Xunta de Galicia lanzou unha iniciativa para a promoción, difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en software libre e fontes abertas, e licenciar como software libre e de fontes abertas software propiedade da Xunta desenvolvido con fondos públicos. Como consecuencia, en 2014 a Xunta debe reducir á metade o custo das licenzas software a favor de software libre e de fontes abertas e conseguir un aforro dun 5% do presuposto de TI a través do impulso do uso de software libre.

Portais relacionados